31 de xul. de 2017

#NoHayPostre


Si no acabas todo, no hay postre". Esta frase, escoitada isoutro día nun bar do centro da cidade, provocou umha avalancha de iconas e estereotipos sobre a minha memoria con música “del África tropical” e guión de Guillermo Sautier Casaseca. Só cando pensei que estaba a piques de comezar o episodio trescentos corenta e tantos de Simplemente María, foi cando erguín a cabeza do móbil (si, tamén son culpábel de usar o “teléfono” para máis cousas que para falar) e puiden asistir á escena que estaba tendo lugar na mesa cabo da minha. Non é moi difícil imaxinala. É tan pouco orixinal como pouco sorprendente foi o resultado. O neno non acabou todo e non só houbo sobremesa senón que, ademais, puido escoller o que máis lle apeteceu e tivo ración dupla por ter comido demasiado pouco.
Suponho que reparo máis nestas cousas desde que son pai e tenho que pelexar contra da minha incoherencia, xestionar as minhas contradicións ou aprender a pensar 3 veces todo o que lle vou dicir á minha filla. Semella demasiado evidente supor que o neno daquela mesa tinha aprendido (e de non ser así, abondoulle aquel día para asumilo) que as normas dos seus pais non eran de obrigado cumprimento. É máis, desde entón ha ter a certeza de que poderá comer o que queira e cando queira sen grandes custos engadidos, para alén dumha pequena rifa probablemente proporcional ao tamanho da lambetada que lle mercarán a continuación.

O pasado 29 de novembro de 2016, o Concello de Ourense aprobaba a nova Ordenanza de Limpeza de Soares que obrigaba á limpeza de todos os terreos de propiedade pública ou privada existentes no termo municipal e regulaba as sancións a imponher a quen incumprira tal norma, amais dos custos ocasionados polos traballos a desenvolver polo Servizo municipal de limpeza.

Claro, umha cousa son as lindezas que queremos plasmar nun papel e outra -ben distinta- a realidade que temos que xestionar e administrar no día a día. Nos últimos 40 anos o Concello de Ourense non foi quen (por falla de recursos e persoal) de manter limpas nin siquer as súas propiedades. Difícil era pensar que ía ser capaz de facelo este ano no que non tinha nin máis nin mellores recursos ca outros anos, e muito máis complexo aínda sería engadir a esta limpeza as labores de vixilancia no cumprimento por parte dos milleiros de propietarios e terreos do termo municipal. E menos mal, que nos trámites de aprobación desapareceu a data tope para cumprir co articulado da Ordenanza, proposta nun principio para o 1 de xullo.

Cal foi o resultado? Pois o agardado, que chegamos a agosto, a piques de que o “principal sector económico” do país comece a queimar os montes e ameace con seguir achegándose ás cidades, e umha manchea de soares e terreos seguen sen cumprir nin esta Ordenanza nin a lexislación aplicábel. E para máis inri o "propietario" que máis incumpre a normativa é o propio Concello de Ourense. Mala praxe pedagóxica esa de lexislar normas de difícil ou imposíbel cumprimento, máis aínda cando o propio lexislador é o principal quebrantador da mesma. A cidadanía pode dar en pensar que as normas non están para cumprir, e isto pode provocar a a entrada nun bucle de difícil saída.
 
O que si me gustaría é que se o concello (nese universo esperpento-kafkiano que enxendrou e ameaza con expandir por todo o territorio) tivera que pagar as multas indicadas pola propia ordenanza municipal para quen non cumpra co seu articulado, reparta responsabilidades conforme as competencias (ou incompetencias) de cadaquén. E non volte a cargar ese peso nos bolsos dos abusados cidadáns que, nalgún caso, xa fixemos esta reflexión por escrito en tempo e forma, sen recibir contestación algumha ao respecto.



Ningún comentario:

Publicar un comentario