16 de set. de 2016

Sobre o "problema" demográfico


poboacion%2Bgaliza-ourense.jpg
Escoitar falar do problema demográfico en Ourense e en Galiza con tanta frecuencia chega a xerar certa desconfianza, polo menos para un profano na materia como é quen escribe. As interpretacións e as perspectivas coas que podemos achegármonos ao fenómeno son tantas e tan dispares, que o problema en cuestión tomaría umha forma poliédrica e daría para analizar e debater de xeito transversal sobre o porqué do despoboamento nun dos territorios máis ricos da península.

Aproveitando que estiven recollendo algúns datos para a entrada anterior, gostaría de compartir con vós 3 gráficas sobre a evolución demográfica en Ourense, Galiza e Espanha nos últimos séculos. Non é nada científico. E imaxino que nin siquer será moi completo. Mais penso que pode aportar un punto de inicio para un debate entre profanos (con perdón, pola parte que che toque).


Decidín non incluír algúns datos atopados por non poder facer as comparativas ou simplemente por semellaren dubidosos ao topar con diversas fontes contradictorias. Porén, o que si parecen reflectir as cifras é que até mediado o século XIX, Galiza vinha representando umha porcentaxe moi importante de poboación (e, por tanto, de ingresos) do que hoxe é o Estado espanhol. Emporiso, esta situación de peso demográfico non se correspondeu coas inversións efectuadas polos distintos réximes que foron gobernando o noso país desde a distancia, o que provocou múltiples reclamacións e reivindicacións desde as vilas e cidades galegas que non podían desenvolver a súa actividade económica mentres observaban como medraba a Corte. Tanto o libro analizado na anterior entrada (escrito polo Conde de Guzmán a instancia de Godoy e do Conde de Floridablanca) como a revolución de abril do 1846, deixan boa constancia deste sentir.

Temos logo dumha parte, a falla de investimento na rede viaria principal que provocou grandes eivas na comunicación dun dos países/reinos/provincias máis ricos da península, imposibilitando a comunicación con esta e co resto do continente, ao tempo que prexudicaba claramente a exportación dos seus produtos. Só esta xa sería umha razón de peso para provocar as primeiras ondas de emigración cara outros lugares con menos poboación e con maiores expectativas de crecimento.

Doutra parte, xa no século XX, comeza a caír en picado a poboación no ámbito rural, até ese momento moi compensada coa poboación nas cidades e vilas. O caso de Ourense resulta especialmente chamativo pois, até principios do século pasado, a poboación do que hogano é a capital(*) representaba á penas o 5% do total da provincia, mentres que na actualidade ronda o 35%. Outro exemplo disto xa era o censo de habitantes de 1857, onde a provincia de Ourense ocupaba o 16º lugar entre as máis poboadas de Espanha, mentres a capital tinha que conformarse co 38º posto entre as capitais de provincia máis populosas. 

Esta forte migración interior cara as cidades, que se agudiza na posguerra, antóxaseme umha estratexia de desruralización que "casualmente" provoca -aquí e no resto do Estado- un boom inmobiliario nas seguintes décadas. Alén disto, non se atendeu a compensar o despoboamento das vilas e aldeas, desatendendo os recursos primarios e menosprezando o investimento en Investigación que pudera poñer en valor estes recursos. 

A chegada da democracia ponhía fin á dictadura pero non así ao modelo económico baseado na especulación do solo e nos servizos. Os potenciais recursos económicos do país seguían onde estaban: desatendidos, con sistemas de produción e aproveitamento anticuados e con canles de distribución obsoletas. Paralelamente, collía pulo a "idea" do traballo de funcionario como alternativa de éxito, o que provocou -probablemente- a maior emigración histórica da provincia, que coloca traballadores públicos en todos os territorios do Estado sen claras posibilidades de voltar á sua terra. Velaí, talvez, un dos motivos polos que, nos primeiros anos da Transición, observamos un pequeno repunte da poboación que axinha volta a inverter a súa tendencia até o momento actual. 

Hogano, o rural é básicamente monte. A maior parte da superficie noutrora cultivada está a ermo. A superficie forestal que debera sustentar unha boa parte da economía ourensá e galega, no canto de producir riqueza e plusvalías, só xera gastos porque inventamos un sector económico e profisional que precisa de que o monte arda. E mentres, seguimos inventando cheques-bebé eleitorais como quen non entende ou non quer entender que a merma poboacional non ven provocada por umha elección egoísta ou snob das nais e dos pais do século XXI.

(*) Lembrar que até o ano 1943, o actual termo municipal de Ourense estaba composto polos concellos de Ourense e Canedo do Minho

Ningún comentario:

Publicar un comentario