7 de set. de 2016

Ilexítima inversión


Por encargo de Godoy e do conde de Floridablanca,
escribía o conde de Guzmán -primeiro Inspector Xeral de Caminhos- umha interesante obra, dictada polo “zelo e escrita con máis présa da que esixía a súa natureza”, que analizaba na parte final do S. XVIII “a urxente necesidade e o grande interese en abrir a estrada reclamada durante muitos anos pola maior parte dos habitantes de Galicia, representados polas cidades de Ourense, Santiago e Tui coas vilas e comercio dos Portos de Vigo e Pontevedra, desde a vila de Benavente pola Pobra de Seabra e Monterrei a aquelas tres capitais e vilas”.
Continuaba facendo un alegato sobre a necesidade da comunicación co mar das 3/4 partes de Galiza, concretamente as que o autor consideraba “máis pingües e interesantes”, ao tempo que se melloraban as condicións dos viaxeiros a un custo limitado a respecto do xenerado por outras obras.


Remataba o autor facendo umha comparativa entre a contribución anual do noso país e a “ilexítima inversión” que se dera a estes caudais, empregados habitualmente lonxe das nosas terras.  amais da “xustiza coa que clamaba aquel Reino para que se empreguen nel e nas obras para que os paga; obras que lle son tan esencialmente necesarias, como que pola súa falla, atópase a súa numerosa poboación e clase máis preciosa dos seus habitantes no maior desacougo e atraso máis lastimeiro”.


Velaquí, logo, como entre 1786 e 1795 acordou a Superintendencia de correos e caminhos abrir umha estrada xeral que, arrincando de Benavente, pasara pola Pobra de Seabra e Monterrei a Ourense, Santiago, Vigo e Tui; acordo que voltamos a atopar no ano 1803, incluído na orde de reabrir o caminho xeral de Benavente a Vigo, con ramais a Santiago e Tui. Na realidade, a obra arrincou e desenvolveuse moi devagar até a súa completa paralización no ano 1833. E aínda no 1850, á penas 4 anos despois da silenciada revolta galega, podemos atopar outra publicación que fala da necesidade de construcción desta vía, que xa acumulaba máis dun século de atraso. (Memoria sobre la necesidad de construír las carreteras provinciales de Santiago á Orense y de Santiago a Lugo en el antiguo reino de Galicia. 1850).


Ten a súa importancia sublinhar que Galiza, xunto a Valencia e ás Andalucías continuaba a ser un dos territorios máis poboados da península aínda no primeiro tercio do século XIX, tal e como recollen Alexandre de Laborde e Mariano de Cabrerizo no seu Itinerario descriptivo de las Provincias de España (1826); uns datos de poboación que ben se correspondían co expresado nos escasos censos de vecinhos e almas realizados con anterioridade.



O caminho de ferro, a autoestrada do Atlántico, a comunicación terrestre dos Portos galegos co continente, as autoestradas galegas, o AVE… Case todo chegou (o que chegou) a Galiza con 30, 50 ou 100 anos de demora a respecto doutros puntos do Estado, sen importar a poboación nin os tributos aportados polos distintos territorios ás arcas públicas. Estes feitos, talvez poidan axudarnos a comprendermos mellor o despoboamento e as emigracións masivas sufridas nos últimos 200 anos, amais de non entender definitivamente que raio nos botan na auga para acadar tal nível de sumisión e autoodio.

Non é banal lembrar estes datos se temos en conta que a poboación do que hogano conforma a provincia de Ourense á penas mudou desde o século XVIII; feito ben curioso se temos en conta que se trata dun dos territorios con máis recursos da península, acadando relevancia internacional no sector da castaña, da lousa ou das surxencias termais, alén da grande importancia do románico, do téxtil ou do viño. Se con todo isto, en 300 anos non fomos quen de incrementar o número de habitantes -ao contrario do que ocorreu no resto do Estado- nin sequera de garantir un nivel de vida aceptábel dos mesmos, algo fixemos mal. A resposta semella demasiado obvia: ou Ourense estivo [e está] mal xestionada ou simplemente foi [e está sendo] saqueada.

E así chegamos á situación actual, renegando da nosa língua e de nós mesmas/os, destruíndo o que debera ser a base da nosa economía e identidade ou choromicando diante dos caciques modernos unha esmola en forma de postiño de traballo que nos permita “terracear” nas prazas e quintairos do país. Polo menos até que alguén queira gobernar e poñer en valor os nosos recursos e a nosa identidade.



* Todas as imaxes son cortesía da Biblioteca Nacional de España

2 comentarios:

  1. Ben, interesante e fundamentada a reflexión do amigo Lois. Por ponher un apuntamento, o obvio da resposta final pode que non sexa excluínte, na miña reflexión (escrita con máis présa que a esixida, coma a do Conde de Guzmán)Ourense estivo e está moi mal xestionada e (non "ou") foi e está sendo saqueada. Desto podemos gabarnos cada habitante de Ourense, verdadeiros artífices da desfeita. Seguro que o Lois nos agasalla antes e despois do 25 de setembro con algunha reflexión que afondará na responsabilidade de cada un de nós.

    ResponderEliminar
  2. Grazas polas túas palabras e polo teu comentario. Quen soubera afondar na nosa [cómplice] responsabilidade da situación...

    ResponderEliminar