23 de maio de 2015

#ResetSystem

Seica toca votar e botar fóra todas as charlas taberneiras coas que, cada día, arranxamos o país [e o fútbol] nos interludios que nos deixa o pagamento da hipoteca ou a procura dun emprego que se resiste nun Estado que disque medra por enriba das súas posibilidades.

Atendendo ao barómetro de abril do CIS chegamos a estas eleccións cun panorama que por inusual nos resulta difícil de comprender e de valorar. Probablemente esteamos diante das eleccións máis imprevisibles das últimas décadas, provocado en boa parte polo fastío do eleitorado, pola irrupción de 2 novas forzas no panorama estatal e polo cariz de primarias que asume esta convocatoria.

Mentres dilucidamos se as enquisas funcionan realmente como indicadores ou como xeneradores de tendencia -que ese é outro debate pendente e necesario- non ocultamos certa impaciencia por analizar/xustificar o resultado que emane das urnas, mesmo antes de que se produza.

Para alén das valoracións que xa imaxinamos de antemán, o luns 25 obrigará a todos os partidos políticos a facer umha análise seria e autocrítica se non queren verse engulidos polas sorpresas das metamorfoses. O PP terá que valorar se poderá remontar até o outono a forte caída que vai experimentar, e se vai poder apaciguar aos milleiros de cargos intermedios e de confianza que van ter que deixar as lagostas para voltar aos garbanzos. O PSOE, comprobar se pode manter a súa condición de aglutinador do voto socialdemócrata ou prefire o perigoso xogo do troco de cartas entre Ferraz e Xénova. Podemos, se consegue ocupar a centralidade do taboleiro ou ten que definir máis a mensaxe concentrándose nun target eleitoral máis reducido. Ciudadanos, se ten algo a dicer na construcción do futuro partido liberal-conservador en substitución ou reconversión da direita actual. IU, como é posíbel que non fora quen de comunicar coa cidadanía do mesmo xeito que comunicou o “brazo” extinguido con Podemos e mesmo con algumhas iniciativas cidadás. 
En Catalunya, esmorecida en parte a proposta hexemónica, non podemos obviar cuanto sumarán as forzas partidarias do referendum, e deixar de secuestrar con excusas peregrinas o dereito de opinión dos cidadáns. En Galiza, os partidos que noutrora conformaron o BNG tamén terán que analizar os resultados en clave de país e ver se compensou a viaxe que desde o ano 2003 os está convertindo en forza residual dentro do panorama político galego, un panorama que precisa urxentemente dumha forza nacionalista –se non de dúas- ben definida, ideolóxica e estruturalmente.

Por raras que nos parezan hoxe as previsións, non podemos esquecer aquelas primeiras convocatorias eleitorais despois da morte do dictador, cuxos resultados amosaron un espectro con 4 partidos (que curioso) e porcentaxes e diferenzas semellantes aos números que nos imos atopar manhá. Mesmo se damos por boas aquelas eleccións municipais do 25 de xaneiro de 1976 (primeiras da democracia, aínda que con restriccións), atopariamos umha nova coincidencia temporal entre as de 1936 e as actuais do 2015.

Até os slogans repiten o panorama dos primeiros anos 80, falándonos cicais dun feche de ciclo. Asistimos con certa incredulidade ao emprego sen complexos do “cambio” como consigna eleitoral e mesmo de conceitos como renovación ou transparencia (a glasnost de Gorbachov, non tan manida e esgotada como o lema que levou ao PSOE ao poder naquel outono de 1982). Está por ver se os lemas empregados hoxe de transparencia e horizontalidade non se fixarán na nosa memoria –co paso dos anos- coa mesma sensación de desilusión e fraude que nos deixou a toda umha xeración aqueloutro empregado por González e o seu partido hai máis de 30 anos.
Outra proba -ao meu ver, evidente- do feche de ciclo é a desaparición do termo “partido”. Umha palabra mal vista (por desgraza) que non seremos quen de atopar en ningún cartaz eleitoral. Semella que xa ninguén quer ser un partido ou sente vergonha de pertencer a este tipo de estruturas directamente relacionadas no maxín común cun xeito de facer política. A mesma sensación, por certo, que deben ter as entidades bancarias, empenhadas en facer desaparecer a palabra “banco” dos seus nomes e imaxes corporativas. 

Os poderes político e económico xa non queren que os conhezamos polo nome co que o vinhemos facendo durante muitas xeracións, cicais umha mostra de que asumen a súa culpabilidade na situación de deterioro social e económico que sufrimos. Porén, un troco de nome non é abondo para purgar as responsabilidades. É preciso que todo mude, pero non para que todo siga igual como na obra de Lampedusa, senón para airear os Poderes do Estado e por enriba de todo demostrarlle á cidadanía, demostrarnos a nós mesmos, que podemos e temos a obriga de exercer a soberanía para decidir sobre o noso futuro.




Ningún comentario:

Publicar un comentario